30 oct. 2018

De roteiro polo Courel: Vilamor-Froxán







O pasado mércores, día 25, na compaña de 40 alumnas e alumnos de 4º de ESO, 1º de Bacharelato, 1º de STI e 2º de ITC andivemos polo Courel Baixo facendo un roteiro entre Vilamor e Froxán, pasando pola aldea de Vilar.


Ás 12 chegamos no bus a fermosa aldea de Vilamor, fixemos un pequeno percorrido por ela, e a continuación iniciamos o descenso en dirección o río Lor. Nunha hora chegamos a aldea de Vilar, cruzando en dúas ocasións o río Lor a través de dúas fermosísimas pontes. A primeira baixada ao río ten unhas vistas espectaculares tanto do río como dos montes circundantes, so hai natureza en estado puro, nin rastro de presencia humana. A subida posterior a Vilar, chega na súa parte final o monumental Souto de Vilar, cheo de castiñeiros centenarioscon formas inimaxinables. Tanto o souto como a aldea son no seu conxunto un Monumento Natural difícil de describir  pola súa beleza e harmoniosidade.


No souto, fixemos unha actividade de recoñecemento das árbores máis singulares do roteiro:  castiñeiros, carballos, sobreiras, acivros, faias, érbedos e outros. Tamén estivemos falando da importancia dos castiñeiros na economía do Courel.



Pegado a aldea e dentro do souto, entre os castiñeiros, hai un campo da festacon palco artesanal feito de madeira, no cal xantamos. Ao finalizar o xantar, unhas alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato recitaron varios poemas de dous poetas do Courel: Uxío Novoneyra e Vicente Reboleiro.



Dende Vilar, dirixímonos ao Castro de Vilar pasando por unha pequena capela a que se chega por un precioso camiño marcado con cruces de madeira numeradas. Dende a capela, divísase o monumental castro encaramado nun outeiro rodeado polo río Lor. O Castro, xunto co da Torre, son os máis importantes do Courel. As vistas son moi fermosas, vese Vilamor, o río e os montes que o rodean.
Na baixada e posterior subida a Froxán hai que cruzar o río Lor de novo. Na subida a fermosa aldea de Froxán detivémonos contemplar o Sobreiral que hai nas ladeiras do río. As sobreiras, ademais de producir cortiza, son unhas árbores fermosísimas, e tivemos a sorte de ver dúas pegadas o camiño dun tamaño que eu nunca vira.

O roteiro finalizou na fermosa aldea de Froxán onde nos esperaba o bus.

Por último, so nos queda felicitar e agradecer o noso alumnado o seu excelente comportamento no roteiro, foi un pracer compartir con vós esta viaxe polo Courel.
Ata o próximo ano.



Máis fotos no facebook de BiblioLugrís


Esta é unha crónica realizada polo profesor Roberto Varela Urrutia, coordinador de Dinamización Lingüística

No hay comentarios:

Publicar un comentario