25 oct. 2014

Relatamos terrores?


Está xa cerca o Samaín, ou Samhain (e unha boa ponte ao seu redor), así que son horas de meigas, cabazas, lobishomes e algo de tremores fúnebres... que podemos rescatar da nosa imaxinación para participar no concurso que vos propoñemos. 

Poñemos, pois, en marcha a III edición do Concurso de Microrrelatos de terror, para que vos poñades a redactar a partir dunhas frases de inicio que extraemos de E. A. Poe e G. de Maupassant

Estas son as bases: 

  1. Os microrrelatos deben ser inéditos (non copiados), escritos en galego, castelán, inglés ou francés, e encadrarse dentro do xénero do terror.
  2. Os textos han de ter unha extensión máxima de 125 palabras.
  3. Deberán comezar dunha destas dúas maneiras:
    - “Atópome actualmente nun sanatorio; pero se entrei nel foi por prudencia, por medo”                                                                                                                       (permitíndonos utilizar as palabras de E. A. POE en O pozo e o péndulo)
    - Sentía náuseas, náuseas de morte despois de tan longa agonía; e, cando por fin me desataron e permitíronme sentar, comprendín que os meus sentidos me abandonaban”                                                                                                                    (empregando desta volta a pluma de G. de MAUPASSANT en Quen sabe?)
  4. Debedes procurar que non teñan faltas de ortografía, pero si a mellor sintaxe posible.
  5. O prazo de entrega remata o xoves 13 de novembro.
  6. Os microrrelatos entréganse na biblioteca, co voso nome, apelidos e curso (ou poden ser enviadas a: lerunmardecontos@gmail.com).
  7. O xurado estará conformado polo profesorado do grupo de biblioteca e dos departamentos de linguas do centro.
  8. Haberá dous premios: un para o mellor microrrelato de 1º a 3º ESO e FPB e outro para 4º ESO, Bacharelato e Ciclos.

Sabemos todos que a noite do Samhaín é unha noite especial. Mais ao mellor non tanto que, nesta noite, celebraríase o aninovo celta, o momento de transición da estación clara á estación escura. Trátase dunha festividade que chegou aos nosos días un pouco distorsionada pola influencia romana. Os celtas celebraban o Samhaín coma unha comunión cos mortos, xa que é a noite na que a liña que separa os dous mundos é máis fina, e os espíritos dos defuntos poden pasear polo mundo dos vivos libremente, baleirábanse nabos para poñer dentro velas e comida nas portas das casas, para manter ledos os defuntos.

As ilustracións  que acompañan esta entrada chégannos desde outro universo cultural: o Romanticismo español. O pintor Leonardo Alenza é o autor destes satíricos e tenebrosos cadros en torno á morte. 

19 oct. 2014

Estremecémonos con Poe

Comezou xa a andar o CL 2, lendo e charlando sobre Edgar Allan Poe. Cun bo feixe de caras atentas dirixindo a súa mirada cara ela, a profesora Francisca mergullounos  no conto de El gato negro relacionándoo coa biografía deste autor que tiñamos na pantalla enfronte relatada pola wikipedia. 

Velaquí un breve fragmento do conto, para facernos pensar, case perversamente...

¿Quién no se ha sorprendido a sí mismo cien veces en momentos en que cometía una acción tonta o malvada por la simple razón de que no debía cometerla? ¿No hay en nosotros una tendencia permanente, que enfrenta descaradamente al buen sentido, una tendencia a transgredir lo que constituye la Ley por el solo hecho de serlo? Este espíritu de perversidad se presentó, como he dicho, en mi caída final.



Na próxima sesión, falaremos sobre El barril de amontillado. E, en breve, poñeremos en marcha o III Concurso de microrrelatos de terror... Ide poñendo a imaxinación a traballar!

11 oct. 2014

Patrick Modiano, novo premio nóbel de literatura

Acaban de facer público que o premio nóbel de literatura deste ano é o francés Patrick Modiano (Boulogne- Billancourt 1945). Un escritor, que ten publicadas unha treintena de novelas profundas, mais de lectura fácil, de non máis de duascentas páxinas cada unha.

Un París intemporal, onírico, que coincide co do distrito XVI, é o trasfondo de moitos dos seus libros. Unha zona nada relevante, e se cadra por iso escollida por el. Para que non nos distraia da historia a contar. 

Unha das súas obras máis coñecidas é Dora Bruder, da que trata nunha interesante entrevista en El País Tamén son nomeadas: O café da xuventude perdida e unha triloxía sobre a ocupación francesa durante a Segunda guerra mundial.

Ten unha considerable relación co cine, xa que realizou varios guións, fixéronse adaptación das súas novelas para películas, etc. 

A verdade é que semella moi apetecible de ler!!