15 nov. 2014

Con Francisco Castro

Finalmente, este pasado mércores 12 estivo con nós Francisco Castro charlando con nós de forma emotiva e intensa. 
Fran desvelounos un pouco do oficio de escribir (de como constrúe historias, personaxes...), dos inefables mecanismos da imaxinación; amosounos a súa paixón pola escritura, e en xeral a súa paixón e optimismo como actitude vital. Tivo que responder a un montón de preguntas e, se non fose porque o tempo non deu para máis, alí teriamos continuado un bo anaco máis. 
Na biblioteca hai varios libros seus, ademais de Chamádeme Simbad... 
así que podedes animarvos a coñecelo un pouco máis!!

Aquí quedan unhas poucas das fotos que nos sacou Carmen Delgado.










E o xoves, ao día seguinte,  seguimos coas reunións do CL2:  con El pozo y el péndulo, de E. A. Poe, do que limos con Francisca varios anacos, e co que continuaremos no último xoves de mes...
A próxima semana toca de novo Jules Verne.





8 nov. 2014

De aventura, con Francisco Castro


O próximo mércores, 12 de novembro recibiremos a visita do escritor e editor Francisco Castro (Vigo, 1966-). Vai estar con nós para falarnos sobre todo de Chamádeme Simbad, un libro que moitos de vós estades a ler. 
Con el, espero que nos mergullemos en mundos diversos: desde os puramente aventureiros, como Simbad ou Verne, ata problemáticas como o alzhéimer, a vellez e as relacións interxeracionais, pasando por... En fin, xa o contaremos. 
Francisco Castro ten tras de si unha gran produción literaria, dirixida algunha a público xuvenil, outra a infantil e tamén a adultos. Unha gran variedade froito dun laborioso saber facer que se gana a pulso libro a libro e traballo a traballo. Algúns títulos para lembrar son: O corazón da Branca de neve, Un bosque cheo de faias, O ceo dos afogados, Spam, As palabras da néboa, In vino veritas, O segredo de Marco Polo etc.

Por outra banda, as nosas lecturas nos Clubes avanzan. No CL2 (entendémonos, non si?) van a pasar a ler o terceiro conto de E. A. Poe, "El pozo y el péndulo", mentres que no CL1 aínda andamos lendo "O motín da Bounty", pero xa nos imos meter coa Viaxe ao centro da terra, sempre co noso benquerido Verne. 
Continuamos descubrindo tamén relacións entre Jules Verne e Urbano Lugrís, co mar de fondo. Outro día falamos disto. 


2 nov. 2014

Adeus, Begoña Caamaño


Nestes pasados días finou a escritora feminista galega, Begoña Caamaño (1964-2014). Unha triste noticia que nos sirve para lembrar brevemente a súa figura. 
Trátase dunha xornalista en prensa escrita e sobre todo en radio, moi centrada no tema cultural e de claras apostas ideolóxicas: defínese sempre como galega e feminista (lilá) . Nos últimos anos escribiu dúas novelas  de calidade: Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012).

Como morreu, logo dunha longa e dura enfermidade (cancro), deulle tempo a despedirse, e fíxoo dunha forma tan vital como o foi ela. É admirable o ton da carta en que despide da súa amiga, a cantante Uxía