24 feb. 2013

Martes de cine con Mortadelo e Filemón

Lémbrovos que este martes, 26 de febreiro, quedamos a xantar na biblioteca mentres visionamos "La gran aventura de Mortadelo y Filemón". 
Coa desculpa de que no club de lectura (2) estamos a centrarnos nas bandas deseñadas, a película deste martes rende homenaxe a un dos autores máis importantes do cómic (ou tebeo, como diciamos antes) español, a Francisco Ibáñez. Trátase dun autor gráfico que malia levar moitos anos traballando segue creando historietas de actualidade e creando personaxes que nos quedan moi perto, como Rojoy e Rubacalva.





Francisco Ibáñez , ademais de ser o creador de Mortadelo e Filemón, tamén o é de tiras cómicas como 13 Rue del percebe, Rompetechos, el botones Sacarino, Pepe Gotera y Otilio, etc.




Espero que todas e todos gocémolo moito!

Ah! Nun ámbito ben diferente, pero non menos importante, que non se nos esqueza que, hoxe 24 de febreiro, celébrase o día de Rosalía de Castro, coincidindo co 175 aniversario da seu nacemento (o mesmo día de 1837). Son moitas as persoas que propoñen celebralo regalando unha rosa e un libro...



21 feb. 2013

Fotos de paz e amor no Lugrís


Déixovos aquí abaixo unhas cantas fotos -para a lembranza- das actividades coas que celebramos o día da paz e non violencia e todas as pegadas murais coas que decoramos o instituto (e unha do grafiteiro Banksy ao lado como modelo inspirador para outras ocasións). A continuación, tamén unhas poucas  da participación nos "corazóns breves",  expresión dos nosos sentimentos máis íntimos e amorosos. 


















En ambos casos, moitísimas grazas pola vosa colaboración e entusiasmo.



14 feb. 2013

Cupido e Valentín

Un deus romano e un sacerdote cristián, ambos relacionados coa Antiga Roma, que continúan a ser na actualidade os principais símbolos do amor.
Cupido é, para a mitoloxía romana, o deus do desexo amoroso. Segundo algúns, fillo de Venus -deusa do amor- e Vulcano -deus do lume e os metais-, ou de acordo a outras fontes, fillo de Venus e Marte -deus da guerra-. Os parentescos, como sempre que nos adentramos na mitoloxía, son moitos e as súas representacións en pintura e escultura, innúmeras [A imaxe da esquerda é Natureza morta con Cupido, de Paul Cézanne].  
Valentín foi un sacerdote de Roma  que no século III d.C. opúxose á lei promulgada polo emperador Claudio II que prohibía o matrimonio entre as parellas novas porque pensaba que os soldados eran mellores se non tiñan ataduras. O santo Valentín continuou a casar en segredo e isto levouno á prisión e a un tráxico final (martirizárono e finalmente matárono o 14 de febreiro do ano 270).


En fin, o día de San Valentín ten as súas raíces na nosa cultura occidental.  Primeiramente no mundo xermánico, e de aí pasaría aos Estados Unidos e actualmente chega a lugares do mundo tan lonxanos como China, Xapón ou Taiwán... (en boa medida "grazas" á omnipresencia da mercantilización).


De todo isto, a moitas e moitos de vós, falouvos a profe Fina Roca, pero para os que non, aproveitamos a ocasión para ilustrarnos un pouquiño. 

Por outra banda, como sabedes, na biblioteca estamos a celebralo escribindo breves mensaxes en corazóns de papel, que exporemos estes días alí mesmo. Veremos que tal sublimamos estes positivos sentimentos...
  

10 feb. 2013

De bandas deseñadas e álbums ilustrados

Lémbrovos que o próximo venres 15 faremos unha reunión co CL2 (o club de lectura a partir de 4º ESO). Proporemos, para este trimestre, mirar e ler bandas deseñadas diversas e álbums ilustrados. Na biblioteca imos tendo máis material a cada paso. 
Para irnos inspirando poderíades botar unha ollada á wiki que teñen no club de lectura Vixías das letras (dun IES de Carballo, ao que estiven moi ligada e do que non logro despegarme de todo...). Aí podedes ver varios vídeos moi suxestivos, e aquí déixovos un de El árbol rojo, de Shaun Tan para ir abrindo apetito.







3 feb. 2013

PAZ, AMOR, AMIZADE... *

Pasou o día da paz (o 30 de xaneiro) e nós aínda andamos festexándoo...
Nesta ocasión andivemos a voltas cun dos seus símbolos máis recoñecidos, e expuxemos algo da súa historia á entrada do centro; pero, sobre todo, dedicámonos a elaborar vistosos murais con lemas e frases en torno á paz rubricados coa pegada das nosas mans (a parte máis diver). 

Ben, agora poñerémos a facer algo a respecto do día do namorados (ao que nós engadimos, a amizade... porque si). Seguindo a inspiración dunha idea traído pola profe Magdalena, propoñémovos escribir mensaxes (de amor, de amizade) sobre corazóns de papel (as bases estarán en cada aula). 

E, por último, a próxima semana celebraremos na biblioteca sendas reunións do club de lectura. O mércores, 6 de febreiro, para 1º, 2º  e 3º ESO e PCPI (en torno a María Menéndez-Ponte), e o xoves para 4º ESO, Bacharelatos e Ciclos (centrados en bandas deseñadas).





*Estaremos facéndonos hippies?