28 may. 2013

Tomamos 39 fermosas palabras...


Wordle: Palabras galegas 2Finalizamos a primeira fase de "Tomemos a palabra" seleccionando 39 (non preguntedes  o por que dese número exacto...) belas palabras da nosa lingua de entre as moitas propostas.
Agora toca votar para quedarnos cun puñado das máis bonitas. 

Temos unha semana por diante para iso...

Entre tanto, lembrade que segue en marcha o concurso de  logo ou mascota para a biblioteca, e que o próximo xoves 6 ímonos de excursión.

25 may. 2013

Protestas contra a LOMCE

Non queremos deixar a ocasión de constatar aquí o acto de protesta contra a LOMCE que a nosa comunidade escolar levou a cabo o pasado xoves , o 23. A cuarta hora, logo do recreo, saímos ás pistas do instituto case todos os grupos da ESO e Bacharelato, e algúns de Ciclos, para ter clases ao aire libre de forma conxunta. En pouco tempo realizamos un gran cartel no que se lía: ENSINO PÚBLICO,GALEGO, LAICO E DE CALIDADE,  e arredor del tivemos unhas instrutivas clases, nas que algúns profundizaron na correspondente materia e outros debatiron en torno ao proxecto de lei da educación que se nos aveciña. 

Deste modo, puxemos o noso gran de area para amosar o desacordo cunha lei que cremos que non conducirá a nada bo... Ficou recollido nalgúns xornais, en La opinión, en Sermos Galiza...



23 may. 2013

Sesión de cine con Sherlock Holmes

Este martes pasado quedamos ao mediodía no Insti para ver a película de Sherlock Holmes (2009), coa desculpa de que estamos cun libro de intriga (La tuneladora) no Club de lectura. Como sabedes, o personaxe de Sherlock Holmes (e o seu inseparable Dr. Watson) é unha creación do escritor (e médico) inglés Arthur Conan Doyle, quen escribiu 69 historias con este nomeado detective. Temos algunhas delas na biblioteca. 
Hai un montón de versións no cine das historias de Conan Doyle, pero nós decidimos visionar unha das máis recentes. 
Esta vez tivemos bastante éxito de público, posto que ademais dos seguidores/as do Club de lectura, asistiron moitos de 4º ESO B (seguindo a invitación da profe de inglés). Desta volta non hai constancia gráfica porque nos metimos na peli (e nos bocatas) e esqueceusenos sacar fotos. Fica a lembranza na na nosa cabeza...

Aproveito para anunciar que o próximo martes 28 no recreo reunirémonos para preparar a excursión do Club de lectura á Casa de Emilia Pardo Bazán, xunto coa Real Academia Galega, e ao Arquivo do Reino de Galicia, todo na parte vella da nosa cidade. Estas visitas realizarémolas o xoves 6 de xuño.




14 may. 2013

Nas Letras Galegas, "tomemos a palabra"


Como sabedes, cada ano no 17 de maio conmemoramos  o centenario da primeira edición en 1863 da obra Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, primeira homenaxeada nas Letras Galegas 1963.
A edición deste ano 2013 está dedicada ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950- 2002), autor, director e actor de teatro. Sen dúbida algunha, unha figura imprescindible para coñecer a dimensión do teatro galego e o dramaturgo máis prolixo da historia da lingua galega. Vidal Bolaño quixo profesionalizar o traballo de contar historias sobre un escenario. 
Na súa andaina pódense distinguir dúas etapas: unha primera, a do Teatro Antroido (1978-1985), na que diríxese ao público infantil e adulto e inspírase en manifestacións parateatrais festivas galegas de carácter popular, especialmente o Entroido; e unha segunda etapa, a do Teatro de Aquí (1991-2002), xa para un público adulto e culto, intentando integrar no teatro novas formas de mirar e interpretar o mundo desde unha Galicia contemporánea.
Seguindo as recomendacións das Bibliotecas Municipais da nosa cidade, para coñecer a súa obra, podedes botar man da Guía de Lectura elaborada pola Biblioteca Municipal de Estudos Locais, así como tamén da páxina da Asociación Roberto Vidal Bolaño, entidade que nace en novembro de 2012 co obxectivo de promover a figura do autor dez anos despois da súa desaparición. Lémbrade que dispoñemos dalgunhas das súas obras na biblioteca.
Por outra banda, facémosvos saber que, desde a Biblioteca e o Equipo de Dinamización Lingüística, e co fin de contribuír á celebración do día das Letras Galegas, estamos a organizar a actividade "TOMEMOS A PALABRA" para amosar as palabras galegas que nos parecen máis fermosas.
 Nunha primeira fase, ata o luns 27 de maio, propoñeranse as palabras preferidas (por sonoridade, significado, tenrura, forza... en varias categorías). De entre as palabras propostas, quedarémonos con 30 aproximadamente [seleccionadas polo ENDL e a Biblioteca]. Haberá unha caixa habilitada a tal efecto na biblioteca, así como unhas papeletas para realizar as propostas. 
 As categorías en que se poden encadrar as nosas palabras favoritas son: 

   a) Un accidente xeográfico: un río, un monte, unha cova…
   b) Un lugar (de Galicia, non ía ser do Xapón!) 
   c) Un ser vivo (unha árbore, un animal, un cogomelo…) 
   d) Un sentimento, unha emoción… 
   e) Calquera palabra (libre, sen restrición)


 Nunha segunda fase, a partir do 27 de maio, deixaráse unha semana, ata o 31 de maio, para proceder á votación por parte de toda a nosa comunidade escolar. 

Así mesmo, as persoas “propoñedoras” das palabras gañadoras obterán un premio. 
Podedes tamén enviar as vosas palabras favoritas á dirección de correo electrónico: lerunmardecontos@gmail.com


¡¡Contamos coa vosa participación!!

10 may. 2013

Con Miguelanxo Prado, vivimos o cómic

Como estaba anunciado, e grazas á insistencia da profe Xulia, o pasado mércores 8 de maio estivo con nós Miguelanxo Prado, e empregouse a fondo para darnos a coñecer o making-of  (como se fixo) do seu último libro, Ardalén. Falounos detalladamente do seu proceso creativo, de tres anos e medio, de como parte dunha idea (dun pelo, que logo se converte en pelusa, e despois nalgo moito máis grande), como vai creando personaxes, a historia, logo debuxa o cómic, píntao, fai que todo cadre, escribe os bocadillos (con diferentes tipos de letra)... todo moi laborioso e dedicado. 
Deixounos reflexións moi valiosas sobre a importancia da lentitude (non se fai unha banda deseñada nun día, nin un debuxante nunhas horas), o traballo ben feito e tamén sobre como o coñecemento dos propios límites (ou mesmo defectos) pode axudarnos a superalos ou, máis ben, a sacarlles partido (facer o propio estilo).

Para que podades lembrar ou acceder a un anaco da charla, tedes aquí un enlace a youtube onde descargamos un vídeo coa resposta de Miguelanxo Prado a unha pregunta sobre as influencias literarias que hai na súa obra. Fican tamén aquí fotos do encontro... fixádevos en como decoramos o salón de actos cos cómics de 4º ESO :). Se alguén está interesado/a, temos máis fotos e vídeos no ordenador da biblioteca. 









E agora..., a preparar as Letras galegas... con Roberto Vidal Bolaño. Xa temos obras súas na biblioteca!!

7 may. 2013

Queremos ter imaxe propia...

Xa andan colgados polo insti os carteis anunciadores da convocatoria para o deseño de logo ou mascota para a biblioteca e o club de lectura, así como tamén as bases detalladas do concurso (o esencial é que sexa inédita, as demais condicións teñen a intención de deixar a máxima liberdade creativa posible). O prazo é ata o 7 de xuño. 

E falando de imaxes, mañá mércores 8 de maio estará con nós o nomeado debuxante de cómics  Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958). Recibirémolo humildemente coas bandas deseñadas realizadas polas rapazas e rapaces de 4º ESO, que logo se seguirán expoñendo na biblioteca. 

Prometemos deixar por aquí fotos do encontro con Miguelanxo Prado e tamén doutras actividades do insti. Ultimamente non paramos... hoxe pola tarde estivo con nós a actriz Isabel Naveira, ensinando como actuar nun cásting,  pola mañá os de 2º ESO foron visitar as instalacións  nas que adestra o Dépor en Abegondo, (e fixeron entrevistas das que daremos conta), e seguro que me quedan cousas no tinteiro.