24 ene. 2013

De charla con María...

Creo que todas e todos os que participaron do coloquio con María Menéndez Ponte estarán de acordo comigo na cualificación do encontro con todas esas palabras que nos poñen nos xogos dixitais cando logramos o obxectivo: excelente!, xenial!, estupendo!
Son as palabras que me veñen á boca para valorar a hora que compartimos coa vital e inqueda María; falounos da súa creatividade e carácter coartados pola rixidez dos colexios de monxas da súa época, de como foi acadando autoconfianza a través da educación física e -sempre- da lectura e invención de historias.
Tamén tratou de como trasvasa as súas experiencias, en especial cos seus catro fillos, nas súas cercanas novelas de adolescentes, que tanto vos gusta ler.
O comportamento dos participantes foi impecable e invita a ter máis charlas como esta.
Quédanos agradecer sinceramente á profe Celia todo o seu traballo e entusiasmo previo e durante o encontro.

Deixo aquí algunhas fotos para a lembranza.








17 ene. 2013

Vennos visitar MARÍA MENÉNDEZ-PONTE

O próximo luns 21 de xaneiro teremos un encontro literario coa escritora de orixe coruñesa María Menéndez-Ponte. É autora de libros infantís (moi unidos ao seu personaxe Pupi) e, sobre todo, para adolescentes, de bastante éxito editorial, e que moitos de vós xa coñecedes: Nunca seré tu héroe, Maldita adolescente, El poso amargo del café, Las dos caras del Play boy, Yo digo amor, tú dices sexo, Si lo dicta el corazón...
Terán o pracer de estar con ela os rapaces e rapazas de 2º ESO, os de Literatura de cursos superiores e, por suposto, todos os integrantes do Club de lectura.
Esperamos con impaciencia a súa chegada. 

13 ene. 2013

Pasaron os Reis Magos...

Pois si, parece que uns Reis Magos bastante literarios déronse unha volta  pola nosa biblioteca, posto que alí deixaron un feixe de libros moi variados.


Están expostos no andel novidades: hai algúns  moi comerciais como os Diarios de Greg, Juegos del hambre, AmanecerLos pilares de la tierra... Dispoñemos dun bo lote de banda deseñada, desde mangas xaponeses ou os Simpson, , ata novelas gráficas como Maus, Paracuellos, Ardalén....; tamén se amosan novelas policíacas (de Andrea Camilleri, co seu pouco ortodoxo comisario Montalbano, do madrileño Lorenzo Silva...), de amor (de Federico Moccia, Kathérine Pancol...), filosóficas (de Teresa Moure) ... e moitos máis. 

Pasade a velos pola biblioteca. 



Por certo, na próxima semana, o mércores 16, faremos unha reunión do Club de lectura 1 para ir propoñendo libro para a 2ª avaliación. En canto ao Club de lectura 2 xa temos decidido dedicarnos á banda deseñada nos próximos tempos...