23 dic. 2013

Bos desexos de ano novo, entre contos e poesía

Os últimos días de clase deste 2013 pasáronnos voando entre actividades, exames e notas. Non atopamos nin un minuto para dar conta aquí do feito. Así que facémolo agora, un pouco a touro pasado.
O martes 10 de decembro, en lugar de dedicarnos á celebración do día dos Dereitos Humanos (que tamén tería estado ben), fixemos a nosa reunión do Club de lectura ao mediodía.  Visionamos a curtametraxe "A lus do mundo", recitamos algún poema de Nimbos, o único libro publicado de Xosé Díaz Castro, e logo ensaiamos algún dos contos infantís para lerlles aos pequechos e pequechas do CEIP Sagrada Familia.

















O martes 17 fomos un bo grupo de rapaces e rapazas (de 1º, 2º e 3º da ESO, máis Andrea, de 1º Bac) con dúas profes a lerlles contos aos máis cativos do Cole Sagrada Familia. Resultou unha experiencia inesquecible para quen participamos nela. Primeiro contáronlles contos á rapazada de 1º de Primaria, no salón de actos, e por grupos de entre cinco e oito. E logo, aula por aula, tal como se fosen contacontos profesionais, cada equipo do Lugrís  foi embelesando aos meniños e meniñas enchéndoos de maxia literaria. Algúns foron moi doados de enganchar, de seducir; con outros, como os de tres aniños, resultou algo máis complicado.  Aprendimos moito e gustaríanos repetir, posto que quedamos coa sensación de que aínda podemos facelo mellor.







Felices vacacións (neste caso os antigos romanos, dirían "Felices Saturnais") e os mellores desexos para o ano novo!! Animádevos a mergullarvos en máis contos e máis poesía... 

No hay comentarios:

Publicar un comentario