Con Lucía Aldao e María Lado, no Elviña

Foi no IES de Elviña, onde xa imos sendo "antigos" coñecidos grazas a que a coordinadora do sue club de lectura, Puri, sempre se lembra de nós. Alí, estas poetas combinaron seriedade e intensidade literaria cun fino humor moi didáctico e ameno. Aprendimos a colocar o pronome átono en galego mentres escoitabamos cantar o coñecido tema de Rocío Jurado "Te amo" (mellor dito, Ámote), compuxemos conxuntamente un poema dadaísta bastante simpático, cantamos un pouquiniño coa axuda dun "karaoke analóxico", agasalláronnos cun poema para pedir perdón, co maduro título de "Cuqui" e soltamos unhas cantas gargalladas analizando sentenzas urbanas en forma de grafitis máis ou menos elaborados, como "Alex estubo (sic) aquí", "Clemente drogadito (sic)", "Aquí te puse los cuernos" e mesmo máis ideolóxicos como "Chochos tristes fóra da Coruña" ou "Como pode un repartidor de madalenas chegar a alcalde".
Todo isto, aderezado coa magnífica arte declamatoria de María Lado (co seu característico seseo e gheada da Costa da Morte) e a clara e potente voz de Lucía Aldao.
Bos momentos...


*Non podo evitar comentar como o azar dos azares estanos a acompañar neste curso. Tanto Francisco Castro, que nos visitou en novembro pasado como Lucía Aldao participaron (xunto con moitos outros e outras) no libro colectivo Urbano. Homenaxe a Lugrís, de A nave das ideas (2011). Parece que todo "conspira" co pintor, cuxo nome leva o noso instituto e sobre o que acabamos de comezar a traballar co Contrato Programa: "Mapa emocional de Lugrís" (do que falaremos noutra entrada).
Que ben o pasamos!!!
ResponderEliminar