A nosa particular homenaxe a ROSALÍA



No acto de inauguración 


Hoxe luns celebramos o día de Rosalía -cun día de retraso- coas nosas mellores galas e da mellor maneira que se nos ocorreu, xuntándonos unha gran parte do alumnado e profesorado para lembrala. 

A nosa homenaxe consistíu, fundamentalmente, en outorgarlle o primeiro lugar do proxecto de AULAS EN FEMININO, que bota a andar hoxe con ela. Con este proxecto, promovido polo Equipo de Dinamización Lingüística en colaboración coa Biblioteca, pretendemos que cada aula do centro homenaxee e dea a coñecer a algunha destacable muller galega. Case todas as aulas de Ensino Medio teñen xa escollido polo alumnado correspondente o seu nome. 


O noso Salón de Actos leva xa por nome oficial o desta grande muller galega a partir de hoxe mesmo. Continuaremos coa inauguración de aulas na semana do 11 de marzo, para seguir celebrando ao noso xeito o Día das mulleres que converteremos en Semana das mulleres galegas. 


Na nosa celebración  tamén limos poemas, volvimos ver -non nos cansamos de facelo- a "Adiós ríos en 12 idiomas", escoitamos versións musicadas de poemas rosalianos. E rematamos o acto convertíndonos en entrevistadores. 

O noso reto era conseguir 24 boas preguntas a Rosalía, por aquilo de lembrar que naceu un día vintecatro, pero -non sabemos cómo- saíronnos 25... Se cadra para congraciarnos co de celebralo o día posterior ;). O Equipo de Dinamización Lingüística poñerase na pel de Rosalía para dar cumprida resposta a todas as preguntas na revista que publicará a fin de curso. 

Neste enlace, tedes máis fotos e vídeos do Día de Rosalía







Moitas grazas pola vosa participación!




Comentarios

Entradas populares de este blog

Microrrelatos de terror... con algo de conto galego

CRISTINA GARCÍA RODERO, fotógrafa de la memoria, la emoción y la identidad