29 nov. 2013

A impresión que nos deixou ANOCA



O pasado mércores 27 de novembro recibimos a visita de dous profesores do cárcere de Teixeiro acompañando a José Manuel, interno nesa mesma prisión. A experiencia resultou impactante (creo non esaxerar en absoluto). Coñecer de primeira man como é o cárcere, como se vive a cotidianeidade, o tedio e aburrimento do día a día, as decisións ou situacións que poden conducirnos a vivir alí... provocaron en todo o alumnado - e demais- unha profunda empatía. Penso que tamén nos impresionou a valentía e forza de vontade que poden sacar algunhas persoas, como José Manuel, para superar o feito e afrontar o presente e o futuro. 

ANOCA, "Aprender NO CÁrcere", facendo significativo o seu nome, serviunos para aprender doutra maneira, para darnos unha boa lección de vida. 
O alumnado de 3º e 4º da ESO, que tivo un magnífico comportamento, respectuoso e participativo (todo hai que dicilo), prometeu seguir en contacto a través do blog... Contamos con facelo...  Deixo aquí algunhas fotos para a lembranza.












E volvendo a temas máis propiamente do Club de lectura, engado tamén algunha foto do día que nos quedamos a ver Los crímenes de Oxford; eramos poucas, pero pasamos un moi bo tempo. 



Tamén vos lembro que na última reunión (do pasado 26 de novembro) acordamos volver a vernos o martes 10 de decembro ao mediodía para ver a curtametraxe A lus do mundo realizada polo alumnado do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, a onde iremos de excursión posiblemente no mes de febreiro. 


17 nov. 2013

Crimes en Oxford e outros contos de terror...

O pasado mércores 13 de novembro quedamos unhas poucas "escollidas" a ver a película española Los crímenes de Oxford a mediodía. Este filme trata sobre crimes cometidos seguindo unha serie lóxica ou matemática. Nela fanse moitas referencias ao filósofo austríaco L. Wittgenstein (autor da nomeada cita: "Do que non se pode falar o mellor é calar") e tamén á escola grega dos pitagóricos; amósansenos as rúas de Oxford coas súas magníficas librarías e tranmítesenos a paixón con que se poden vivir as matemáticas. Á profesora Camino, que estivo con nós, non se lle pasou por alto un dos gazapos da película: nun momento fálase dun premio nóbel de matemáticas..., pero non hai premios nóbel nesta materia (por que será?).



                                

Cambiando de tercio, o prazo do concurso dos Microrrelatos de terror, non foron moitos os presentados, aínda que si de boa calidade. Axiña diremos quen son as premiadas.
E respecto ao club de lectura, reunirémonos de novo o martes 26 de novembro para falar dos libros, películas e contos infantís que temos no horizonte.