Sesión dobre con Antía Yáñez


Hoxe estivo entre nós a escritora Antía Yáñez falando de dous dos seus libros, O misterio de Portomarín e Senlleiras. De como foi o encontro relátannos dous participantes. 

Alba Vázquez Botana (1º Bach) fai de magnífica cronista da primeira charla, cos maiores: 



Hoxe recibimos no instituto a Antía Yáñez, unha escritora moi noviña, pero cunhas obras de gran calidade, entre elas, Senlleiras. Esta novela escrita en lingua galega foi unha das últimas que limos o alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, e na que se centrou a autora na charla. Comezou explicándonos en que se inspirou para escribir o libro e como a sociedade na que se criou a levou a tratar certos temas na obra. No encontro con Antía falamos sobre todo do machismo, deténdonos a ler noticias da prensa pasada e actual, tendo todas un aspecto común, o asasinato de mulleres a mans de homes.  
Tamén viaxamos aos anos vinte na Coruña, observado en imaxes os espazos nos que está ambientada a novela. Rematamos facéndolle unha serie de preguntas e prestándolle os libros para que nolos asinase. 
Sen dúbida, foi un encontro do máis agradable, xa que Antía se amosou moi próxima e atenta, e ademais abríunos máis os ollos sobre a realidade que nos rodea animándonos a mellorala. 
E o axudante de biblioteca Yucef Sobhi (1º ESO A) descríbenos  emocionado o que máis lle chamou a atención da segunda das charlas: 


Antía Yáñez contounos de onde lle saían as ideas. En concreto contounos sobre os nenos protagonistas de O misterio de Portomarín, que lle foron inspirados por uns veciños que eran tres irmáns e unha irmá. Do can contou que de pequena sempre quixo ter un e transformou o desexo nun personaxe. Agora xa ten can e outros animais. 
O de Portomarín ten que ver con que ela visitaba este pobo de pequena e entresoñaba con buscar tesouros alí. E, respecto ao final dixo que sería en exceso bonito que acabaran atopando o que  buscaban, así que engadiu algo máis [pero non o desvelamos para que o leades...]. 




Moitas grazas a Antía polas súas obras e pola súa disposición a compartir con nós, á profe Xulia R. Abella por invitala e a todos e todas as participantes por conseguir crear un agradable ambiente para unhas boas charlas. 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Microrrelatos de terror... con algo de conto galego

CRISTINA GARCÍA RODERO, fotógrafa de la memoria, la emoción y la identidad