Visita de Antón Riveiro Coello


Fálanos Hugo Costoya, de 1º Bach, sobre a actividade organizado polo Departamento de Lingua e literatura galega: 

"O pasado martes 20 de abril, o alumnado de primeiro e segundo de bacharelato tivemos o gusto de asistir a unha charla co escritor Antón Riveiro Coello no pavillón do noso centro.

O escritor limego, posuidor de distintos galardóns polas súas obras, contou ao alumnado e profesorado presentes un resumo da súa historia tanto persoal como profesional.

Comezou falando da súa vida como estudante, situándose na etapa dos mozos e mozas do Urbano Lugrís, pero non o fixo falando só dos estudos, senón que tamén falou do amor pasional propio da idade, amenizando así o seu monólogo e facendo rir ao alumnado con algunha que outra broma “tabú”. 


Seguindo o mesmo camiño, contou como chegando á súa etapa universitaria, decidiu estudar Dereito, algo ao que non se dedicou e achegándose por fin ao proceso da escrita, revelou que foi polo apoio dalgúns dos seus compañeiros, que o animaban porque tiña talento, máis polo seu afán pola lectura, que comezou a escribir.

A raíz de aquí, centrouse na súa vida profesional, falou de como era escribir e do proceso que leva facer un libro. Afirmou que no seu caso, moitas veces as ideas xórdenlle de sucesos do día a día, e que unha simple ocorrencia fugaz ás veces resúltalle suficiente para desenvolver unha novela.

Para rematar, abriu a quenda das preguntas, centradas sobre todo nos seus libros As rulas de Bakunin e O paraíso dos inocentes, os lidos este curso en Lingua galega e Literatura con Xulia.

Falou da orixe de personaxes, de como escollía os títulos e da importancia que ten, na súa opinión, que as novas xeracións saiban como foi a Guerra Civil española, ou cal é a situación da actual guerra Siria, segundo a testemuña dalgún dos refuxiados que entrevistou para documentarse  á hora de escribir O paraíso dos inocentes.

Para concluír a sesión, Riveiro Coello sorteou tres libros e asinou os dos presentes, completando así a súa terceira visita ao IES Urbano Lugrís, e anunciounos que está a traballar nunha nova novela ambientada no Brasil, agardamos a súa volta!"









Comentarios

Entradas populares de este blog

CRISTINA GARCÍA RODERO, fotógrafa de la memoria, la emoción y la identidad

Microrrelatos de terror... con algo de conto galego